Cando diante túa, sobre o
escenario, tes a un artista inmenso como Gustavo Pernas, dirixido
maxistralmente pola engaiolante Ánxela Abalo, tes moita sorte... e eu tívena.
Foi no teatro Jofre. Gustavo
convértese en Botamán de Melide, un personaxe creado por el mesmo, á súa imaxe
e semellanza, e ao xeito de Proust cos seus cheiros evocadores, Botamán-Gustavo
métese na pel, nas vidas e milagres de diversos personaxes a través dos seus zapatos,
grazas a eles coñece as mil linguas dos mil peregrinos ao seu paso pola vila de
Melide.
Gustavo-Botamán emociona,
como se fose a primeira ou a última vez, conmóvete, con intensidade, e faite rir, a
cachón, porque, tal e como explica a directora,
“os monólogos ao revés coma os
desta historia son logomonos, hilarantes coma o riso dos monos”.
Non é preciso lembrar o seu
Premio Max nin os varios María Casares, abonda con velo, poderoso, intenso, e
escoitar a súa máxica voz sobre as táboas para entender o que é un actor de
raza, deses que te transportan a mundos alleos e fanche vivir mil vidas,
e
mesmo imaxinalas.
Botamán de Melide, o home que
falaba cos zapatos. Ancora Produccións