Galicia é case sinónimo
de emigración, en moitos momentos da
súa historia, pero especialmente a finais do XIX e comezos do século pasado;
milleiros e milleiros de galegos víronse abocados ao éxodo a América, a países
como Venezuela, Brasil, Cuba, Uruguay, México, Chile... pero sobre todo a
Argentina, chegando a ser coñecida como a quinta
provincia. Son raros os galegos que non contan na súa familia con protagonistas
dun éxodo en busca dunha vida mellor e de oportunidades que a súa terra non lles
ofrecía e que deixou moitas "viúvas de vivos".
Isto vén ao caso porque hai unhas semanas tiven a sorte de revivir
esta parte fundamental da nosa historia da man de Xacarandaina, coa
súa última montaxe Galizien Amerika Linie,
con Quique Peón como director e coreógrafo.
O Pazo da Cultura de Narón converteuse por unha noite nun peculiar porto de
embarque de pasaxeiros en vapores cargados de esperanza... o resultado é un
espectáculo que conmove pola mestría de bailaríns e músicos, pola coidadísima posta
en escena, por un espazo sonoro e audiovisual orixinal, pola fusión de
tradición e vangarda, que reivindica e enriquece, unha vez máis, o folclore de Galicia.






























