
A música de Engado, obra de Xosé Lois Romero para o espectáculo da compañía Nova Galega de Danza, é unha das experiencias gozosas que puiden vivir grazas á miña condición de profesional da fotografía. En varias sesións fun testemuña duns sons contemporáneos que beben das raíces da música tradicional e do folc e que desembocan nun novo estilo, propio e xenuíno ao que xa nos ten acostumados Xosé Lois. Os músicos que o acompañaban, do prestixio de Pedro Lamas, Xabier Díaz, José Belmonte, Miguel Queixas, Miguel Castro, Suso Iglesias e Richi Rozas non podían dar outro froito que non fose exquisito, así que a marabilla estaba servida. Noutra publicación amosareivos estes momentos de excelencia sonora. Hoxe os protagonistas son os bailaríns de Nova Galega de Danza, e do seu traballo falan as imaxes que o describen e que ilustran o disco: de talento, ritmo, sensibilidade e pura poesía no aire. Un auténtico pracer que me encanta compartir.


















