Mostrando entradas con la etiqueta Breviario Miranda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Breviario Miranda. Mostrar todas las entradas

viernes, 12 de octubre de 2012

"Códices: xoias das catedrais galegas na Idade Media"


É o título da exposición recén inaugurada na Cidade da Cultura, que comparte espazo con “Gallaecia Petrea” no Museo de Galicia, e nas que tiven o pracer de participar. En “Códices” a obra estelar é o Códice Calixtino, do século XII, considerada a primeira guía de peregrinos e que saltou á fama mundial tras ser substraído do arquivo da catedral compostelá e recuperado pola policía un ano despois, nun episodio digno de ser novelado ou levado ás pantallas. E como non hai mal que por ben non veña, quizais a raíz deste suceso a xente tomou conciencia da singularidade deste e doutros escritos para a historia de Galicia e da humanidade en xeral, e talvez esta sexa a orixe desta mostra irrepetible con doce xoias da produción documental medieval, expostas ao público ata xaneiro. Xunto co Calixtino, tiven ante a miña cámara outros once manuscritos, pezas únicas e orixinais realizadas entre os séculos X e XV, que nunca antes estiveran xuntas, ademais do Misal Auriense, o primeiro libro realizado nunha imprenta de Galicia, en Monterrei, no ano 1494. 






Grazas a este proxecto descubrín o mundo do saber atesourado nas cinco catedrais galegas, da man de arquiveiros e bibliotecarios, nun tempo no que a palabra escrita cotiza á baixa –xa non digamos a manuscrita–, e o que se impón é a inmediatez e a noticia-flash. Nun mundo que parece alimentarse unicamente de actualidade fugaz, sentinme un privilexiado captando o detalle, a filigrana, a textura de códices, tombos, cartularios, todos eles cun exquisito coidado na súa elaboración, e moitos con notación musical. Tinta sobre pergameo ou sobre vitela, magníficas letras capitais, colección única de miniaturas de monarcas e outros personaxes históricos, selos papais, preciosistas e luminosas iniciais decoradas en vermello intenso, dourado, azul turquesa, púrpura, burdeos, índigo, esmeralda... un auténtico luxo para os sentidos que vos aconsello non perder.