lunes, 19 de junio de 2017

Aqueles marabillosos anos


O tempo xusto de desfacerte da carteira, saudar e coller ao voo o bocadillo... non pasaran nin 5 minutos e xa arelabas saír da casa de novo para xogar, si, esas cousas que antes faciamos os cativos cos amigos, en lugares perigosísimos como a horta máis próxima, a vía do tren ou o descampado de turno, onde experimentabamos algo tan saudable como a liberdade, os desexos de sentir, de arriscar, sen medo a nada, para iso eramos nenos... A tarde noite remataba sempre no recuncho preferido dos portais, hoxe case permanentemente pechados, murchas reliquias daquel tempo no que eran un dos nosos ‘redutos’ para o xogo, as trastadas, a descuberta, os soños compartidos, os risos irreverentes, os trémulos bicos, os temores... Sen play, nin tablets, nin móbiles, nin internet..., daquela a vida extendíase moito máis aló dunha pantalla para voar onde a imaxinación [e as pernas :)] nos levasen, coa complicidade de pais e nais desnaturalizados que non nos consideraban o centro do universo e cedíannos unha autonomía de movementos para medrarmos sen a supervisión constante e cronometrada minuto a minuto, sen ese exceso de protección e permisividade que produce seres un tanto narcisistas e inseguros e con escasa tolerancia perante a frustración ou a dor.