Mostrando entradas con la etiqueta teatro galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta teatro galego. Mostrar todas las entradas

miércoles, 12 de febrero de 2020

Crónicas do Sochantre ou a viaxe marabillosa ao alén

Historias milleiros de veces repetidas nas que conviven lendas célticas dos reinos de Bretaña e Galicia con traxedias universais, nun cosmos itinerante poboado por bandidos, armas, espectros, cartos, sangue, pantasmas, sombras, envexa, vaidade, preguiza, soberbia… mais non hai mortes, ninguén morre, quizais porque están todos mortos ou porque o verdadeiro bandido segue eternamente vivo. 
O poder do diñeiro, a luxuria, a gula, os negocios escuros colocan os personaxes en situacións irónicas entre a vida e a morte nas que a eternidade remata por afirmarse como o máis duro castigo xudicial. Mentres, de fondo, a música do bombardino poñendo banda sonora a outra xoia, e xa van unhas cantas, que nos fai escachar, que engancha e emociona… poucas compañías como Sarabela Teatro para chegarnos ás entrañas e amosarnos como somos, dende o principio dos tempos.



















martes, 10 de mayo de 2016

Poemas contra o esquecemento



Ela espía a súa alma, verso a verso, lambendo as feridas a golpe de palabras e agarimo... El descubriulle a poesía, convertida en táboa de salvación de ambos perante o medo e a  violencia. Corrían os anos 40 na escura España de posguerra. Sórdida pensión na rúa Panaderas da Coruña, rexentada por dona Ermitas, outra vítima máis das circunstancias. 
El –Vicente Rincón–, arredor dos 50 anos, mestre de literatura perseguido e maltratado por homosexual. 
Ela – Clara Campos– 20 anos, prostituta e maltratada por muller.
Importa cando e onde porque iso marcará as súas vidas e o seu destino para sempre, pero o realmente relevante, por transcendente e por ser o que lles aporta algo de sentido ás súas vidas no tempo que lles tocou vivir, é a amizade sincera que os redime durante os meses que transcorre a acción, unha relación pura, intensa, vital, a pesar de se ver truncada pola represión e a ausencia de dereitos. A tenrura, a poesía, a creatividade, a paixón pola vida revelándose unha vez máis en 'Palabras Malditas' como arma poderosa contra o terror e a creba da liberdade. Moi recomendable!!