A árbore morre, chegoulle o seu día, como lle ocorre a todo ser vivo. Pasa o tempo, vai perdendo a súa cortiza mentres uns pequenos artrópodos a parasitan. O río que a circunda e en cuxa beira medrou e se fixo adulta, sofre unha crecida, unha de tantas pero agora ela non é forte, os seus vencellos co chan están debilitados, é máis vulnerable, as súas raíces apodrecen, son menos sólidas, opoñen pouca resistencia á corrente así que, nunha das embestidas do cru inverno, o tronco é arrancado do chan e comeza a navegar augas abaixo... Co trasfego e a violencia dos embates, o tronco vai perdendo as súas pólas e non será ata que as augas amansen cando deixen de desprazalo e este faga firme ata embarrancar e comezar a ser tomado literalmente polos sedimentos... Unha nova etapa na vida inerte do tronco acaba de comezar: a meirande parte da súa materia viva e orgánica é transformada en materia mineral. O proceso de petrificación sucede baixo terra, cando a madeira queda soterrada e colonizada por sedimentos, conservándose grazas á ausencia de osíxeno. Ao cabo de moitos centos, milleiros e mesmo millóns de anos a erosión ou como é o caso, o dragado do río, devolve o tronco á superficie, á luz e á vista convertido en tesouro arqueolóxico que doutro xeito ficaría oculto baixo as augas e perdurando no tempo. O misterio e o engado das augas que agochan o pasado e que, ao mesmo tempo, o preservan...
Este podería ser o relato vital dos troncos fósiles na Finca Galea, premiada en 1998 co Premio Medioambiental Europeo... Na contorna máxica e lendaria de O Castro de Ouro, ao pé do río do mesmo nome, sobreviven tres troncos duns 500 anos e un tronco fósil de 4.500 anos de antigüidade, un auténtico xacemento paleontolóxico emerxido das augas, dunha beleza escultórica, patrimonio vivo do noso pasado.
Estas e outras fotografías forman parte da exposición 'Da árbore á cadeira', na que tiven o pracer de participar. Unha viaxe emocional polos bosques de Galicia e a súa representación artística ata a súa transformación en produto de deseño e mobiliario doméstico, entre outros usos.
Fermosas esculturas da natureza
ResponderEliminarTótems imponentes, grandiosos, de una belleza que tu cámara capta y transmite con sutileza y rotundidad extraordinarias, gracias por compartir!
ResponderEliminar